Incendio en Cundíns – Cabana de Bergantiños

Chega o verán e volvemos ter a mesma desgraza de tódolos anos.  Este pasado día 29 de xuño tiveron lugar na comarca varios incendios forestais. No faro de Fisterra, na parroquia de Xornes en Ponteceso e tamén en Cundíns no concello de Cabana de Bergantiños.

Aquí vos deixo unhas fotiños deste último incendio, o de Cundíns.

This slideshow requires JavaScript.

Publicado en Cabana de Bergantiños, Costa da Morte, Emerxencias, Fisterra, Ponteceso | Etiquetado , , , , | Deixar un comentario

Nova uniformidade da Policía Local de Cee

A Policía Local do Concello de Cee, converteuse na primeira da comarca en adaptar a súa uniformidade as novas normas que publicou a Consellería de Presidencia o pasado xoves 29 de Xullo.

O principal cambio son as cores como podedes ver nas fotografías. Tamén cambian as serigrafías e a bandeira Galega está presente en toda a uniformidade.

Para poder ver tódalas características e prendas podedes picar aquí.

Publicado en Cee | Etiquetado , , | Deixar un comentario

Fin de semana equino en Cee

Esta fin de semana foi “a catro patas” no concello de Cee. Comezamos o sábado 24 coa I Xuntanza Cabalar de Brens, encadrada dentro dos actos da XXVI Mostra Cultural que organiza cada ano a Asociación Deportiva e Cultural de Brens.

Aquí déronse cita uns vinte xinetes que percorreron tódolos lugares da parroquia. Unha ruta duns 10 Qm por Raso, A Grixa, Fadibón, Berroxe, A Pontella, Os Botellóns, Camiños Chans… incluída unha pequena parada na praia pa refrescarse tanto cabalos como xinetes, incluso algún dos équidos parecía que non se lle daba mal o mergullo. A xornada rematou no local da asociación cuns pinchos, valoracións e plans para unha próxima edición.

This slideshow requires JavaScript.

O Domingo foi o día do Apóstolo. O día grande de Galicia e tamén o día das festas de Ameixenda. Aquí xa son un pouco máis veteranos no tema equino, xa que celebraron a IV Carreira de Burros. Neste caso déronse cita doce xinetes coas súas respectivas monturas, algunha delas totalmente “tuneadas” para a ocasión, con sombreiros, panos, flores,…

Este ano a carreira non estivo exenta de polémica, xa que o burro que liderou case a totalidade da carreira, cunha gran vantaxe, a escasos metros da liña de meta entráronlle ganas de tomar un refrixerio e dirixiuse directamente a un bar próximo. Un dixeron que foi pola necesidade do burro de tomar un refrixerio e outros dixeron que se asustara ó ver tanto público na chegada. O caso é que o final nin entrou entre os tres primeiros.

O podio quedou da seguinte maneira:

1º Posto: Ismael montando a burra Sandra.

2º Posto: José Miguel montando ó burro JR.

3º Posto: Andrea montando a burra Linda.

Publicado en Cee, Festas | Etiquetado , , , , , , , , , | Deixar un comentario

Xa está aquí a Xunqueira 2010

Xa se presentou o programa das festas da Xunqueira 2010.

Este ano disfrutaremos de 6 días de festa, dende o mércores 11 de Agosto ata o luns 16, cunha ampla variedade de actividades para tódalas idades.

Mércores 11

Darase o pistoletazo de saída co habitual pregón as 21.30h na alameda. Ó rematar o pregón teremos un concerto de corda e voz a cargo de “La Trova”.

Xoves 12 o día dos máis pequenos

Dende as 11.00h ata as 14.00h e de 16.00h a 19:00h na Praza da Constitución e Domingo Antonio de Andrade teremos inchables, futbolín humano, búfalo mecánico, circuíto de karts, obradoiro de maquillaxe, obradoiro multimedia, festa da espuma, pallasos… E dende as 19:00h o tradicional desfile de xigantes e cabezudos.

Venres 13 dedicado a xuventude

Ás 13:00h e ás 21:00h a banda de música de Salceda de Caselas dará un concerto na Alameda.  Ás 23:00 comezará a soar a música na praza Domingo Antonio de Andrade coa orquestra América de Vigo e ás 00:30 concerto de Manolo Tena.

Manolo Tena

Sábado 14 véspera

Concertos a cargo da banda de música de Silleda na Alameda, ás 13:00 e 21:00. Dende as 23:00 gran verbena coas orquestras Santiago de Madrid e a valenciana Bellísima.

Domingo 15 A Xunqueira

O día grande das festas comezará ás 10:00h cun pasarrúas das bandas da E.M. de Música de Cee e O Rumbo de Sardiñeiro. Ás 13:30 e ás 21:00 a banda da E.M. de Música de Cee dará un concerto na Alameda. A charanga NBA faranos bailar ó seu ritmo na praza Domingo Antonio de Andrade dende as 13:30. A orquestra Santiago de Madrid será a encargada da sesión vermú dende as14:30h.

María Dolores Pradera dará un concerto dende as 23:15h na praza Domingo Antonio de Andrade. Ó rematar o concerto terá lugar a espectacular sesión de fogos artificiais piromusicais no paseo marítimo, a eso da unha da madrugada. Logo da sesión pirotécnica volveremos bailar coa orquestra Santiago de Madrid.

María Dolores Pradera

Luns 16 San Roque

A banda de Música Artística de Merza despertaranos ás 10.00h cun pasarrúas, e logo deleitaranos con dous concertos na Alameda, o primeiro ás 13.00h e o seguinte as 21.00h no mesmo lugar. Si nos gusta máis outro tipo de ritmo, a charanga NBA ofreceranos a súa música na praza Domingo Antonio de Andrade ás 13.00h e 14.00h na praza da Constitución. O grupo Stereo porá a música na sesión vermú e na verbena nocturna . Efecto Mariposa porá o broche de ouro ás Festas da Xunqueira 2010 na praza Domingo Antonio de Andrade sobre as 00.30h

Efecto Mariposa

Publicado en Cee, Costa da Morte, Festas | Etiquetado , , , , , , , , , , , , , , , , | Deixar un comentario

I Torneo de Fútbol 7 do Concello de Cee

Esta fin de semana pasada, celebrouse no Estadio Municipal “San Paio de Refoxos” de Cee o I Torneo de Fútbol 7 Concello de Cee.

Case medio cento de rapaces dos concellos de Muros, Negreira, Camariñas, Fisterra, Muxía, Corcubión e Cee, xogaron ó fútbol 7 durante o sábado 10 e o domingo 11. As categorías que xogaron non torneo foron Infantís, Benxamíns e Alevíns.  O torneo converteuse  nunha auténtica festa, cunha gran afluencia de espectadores e un ambiente espectacular.

Para a entrega de premios estiveron presentes Joaquín Casais (Presidente da Asociación Antidroga Retorno), Arturo Conde (Concelleiro de Deportes de Cee), Esperanza Castro (Representante de Ferroatlántica) e Amancia Trillo (Vicealcaldesa de Cee)

O torneo foi todo un éxito, constatado polas palabras de agradecemento e loubanza que os integrantes dos equipos lle fixeron chegar a organización.

Os resultados dos partidos foron os seguintes

A continuación podedes ver as fotos dos campións nas distintas categorías e unha galería das mellores imaxes dos partidos. Tamén podedes ver máis fotos na web da Peña Deportivista Os piratas de Muxía feitas por Xosé Búa.

Campións

Campión Infantil - Dumbría

Campión Benxamín - Cee

Campión Alevín - Dumbría

This slideshow requires JavaScript.

Publicado en Cee, Costa da Morte, Deportes | Etiquetado , , , , , , , , | 1 comentario

Inda non temos porto deportivo pero xa chegan os iates

Inda non temos porto deportivo na ría de Corcubión. De feito inda non sabemos onde se construirá, si metade en Cee e a outra metade en Corcubión, si todo en Cee, si todo en Corcubión… Só existen papeis que pasan dunha administración a outra, dun despacho a outro, dun concello a outro… Pero o certo e como tódolos anos, comezan a chegar eses veleiros e iates que tanto chaman a atención cando están fondeados na ría.

Veleiro na ría

Esperemos que para o verán próximo o teñamos xa construído, evitando así as incomodidades nos nosos visitantes marítimos.

This slideshow requires JavaScript.

Publicado en Cee, Corcubión, Costa da Morte | Etiquetado , , , , , , | Deixar un comentario

Festa dos Maiores en Cee

Este domingo 4 de Xullo celebrouse un ano máis, e xa van quince, a Xuntanza de Confraternidade dos nosos maiores.

Un día espectacular inda que con algo de vento, axudou a que uns 600 maiores se xuntaran en San Pedro Mártir para pasar un día de festa. Logo de que cada un collera sitio debaixo da carpa alí instalada, comezou a festa cun aperitivo musical. As primeiras en tocar e cantar foron as pandereteiras (e un “pandereteiro”) do centro social. Logo deu un concerto a Banda da Escola Municipal de Música dirixida como sempre por Fernando Fraga.

IMG_5458IMG_5502 

A parte solemne da festa foi a misa de campaña celebrada da man de Manuel Vázquez, párroco de Cee, que contou coa axuda da coral do centro social, que acompañaron a celebración cos seus cánticos.

IMG_5506

Logo da misa, chegou o saúdo das autoridades. En primeiro lugar a vicealcadesa e concelleira de servizos sociais, Amancia Trillo e logo o alcalde Ramón Vigo. Foron breves nas súas alocucións, simplemente agradeceron a presenza da xente e desexáronlle que o pasaran ben.

IMG_5515

Da comida encargouse o restaurante San Martiño de Teo, que montou un servizo de cátering. O menú estivo composto por empanadas variadas, polbo a feira, xamón asado con patacas, chícharos e pementos. De postre froita fresca e tarta de Santiago ademais de cafés, infusións e licores.

Logo de repousar a comida, veu a hora de mover un pouco o esqueleto. Todo o mundo participou das actividades que desenrolou a empresa noiesa “Brétema”. Ó abrigo da carpa moitos maiores dedicáronse a bailar os máis diversos temas de antes e de agora, muiñeiras, pasodobres, rumbas… Os máis atrevidos participaron das actividades desenroladas no exterior. Alí xogaron a petanca, a chave, a rá, zancos, ferradura, incluso unha tómbola.

This slideshow requires JavaScript.

Todos eles disfrutaron da festa ata pasadas as sete da tarde. Entón chegou o momento das despedidas e de citarse para volver dentro dun ano.

Chema Caamiña, Sergio Rego, Sonia Romar, Ricardo Úres, Isabel Morán, Susana Pereira e Raquel Vieites, monitores de Brétema S.L.

Publicado en Cee, Festas | Etiquetado , , , , , , | Deixar un comentario

Outro premio para Marcos Rodríguez

O fotógrafo Marcos Rodríguez volveu gañar outro concurso. Neste caso acadou o primeiro premio no VII Concurso de Vagamundos “El Fotón”, na categoría “Camiño de Santiago”. Marcos xa gañara o ano pasado o mesmo concurso pero na categoría de paisaxe cunha foto do faro do Roncudo.

Este ano acadou o primeiro premio cunha fotografía moi orixinal da Catedral de Santiago. A fotografía ten por título “Camino de llegada o meta”.

Moitas felicidades Marcos.

Publicado en Costa da Morte, Fotografía, Personaxes | Etiquetado , , , , | Deixar un comentario

Voume de festa ó século III

Este fin de semana deixo atrás a miña benquerida Costa da Morte para cambiar de provincia e incluso de época. Voume trasladar ó século III e a cidade de Lucus Agusti para celebrar o Arde Lucus ou Arde Lvcvs.

Esta festa tenta evocar a vida da antiga Lucus Augusti e comezouse a celebrar no ano 2000. Cada ano foi medrando tanto en visitantes como en xente que se caracteriza para participar na mesma (este ano eu mesmo me animei) ben de romanos ou como castrexos.

Hai que destacar que inda que o Concello de Lugo é o principal organizador da festa, conta coa colaboración de diversas asociacións para a ambientación da festa, encargándose elas mesmas das actividades, como son:

CAETRA LUCENSIUM

caetra

CIVITAS LUCENSIS

civitas

COHORS III LUCENSIUM

cohors

LUGDUNUM

trislug

TERRA COPORA

terra

TIR NA N’OG

tirna

Publicado en Festas, Viaxes | Etiquetado , , , , , | Deixar un comentario

Igrexa de Santa María la Real, O Cebreiro.

Deixamos atrás a nosa Costa da Morte para volver a dar un paseo polo Cebreiro. Esta vez ímonos centrar na súa igrexa, a igrexa de Santa María la Real.

O templo de Santa María la Real e a igrexa máis antiga do Camiño de Santiago. Foi construída a mediados do século IX polos monxes benedictinos. Aínda conserva parte da súa estrutura prerrománica, con planta basilical de tres naves cubertas por unha armadura de madeira que remata en ábsides rectangulares.

No seu interior tivo lugar o Milagre do Santo Graal, milagre que foi difundido polos peregrinos por toda Europa.

Segundo a tradición a principios do século XIV, existía na aldea de Barxamaior, a varios quilómetros do Cebreiro, un devoto campesiño chamado Juan Santín. Este sempre asistía a misa na igrexa que os monxes tiñan xunto ó hospital de peregrinos. Era un día de gran temporal e Juan, como tiña por costumbre, subiu dende a súa aldea ata o Cebreiro, chegando a igrexa no momento no que o monxe estaba consagrando un anaco de pan e un pouco de viño. O monxe incrédulo, ó velo chegar, exclamou: “Cuál viene este otro con una tan grande tempestad y tan fatigado por ver un poco de pan y vino”. Nese momento o pan que sostiña transformouse na carne de Cristo e o viño na súa sangue, producíndose o milagre do Santo Graal para premiar a devoción de Juan e para abrirlle os ollos ó monxe. Esta lenda remata con Santa María la Real inclinando a súa cabeza para poder observar mellor o milagre.

This slideshow requires JavaScript.

Desde entón, o Cáliz e a vasilla gardaron o sangue e a carne, ata que no 1486 os Reis Católicos na súa peregrinaxe a Santiago, doaron un relicario no que, inda hoxe, se conservan estas dúas pezas que son un importante expoñente do arte románico en Europa.

Hoxe en día podemos contemplar na capela do Santo Milagre o Cáliz, presente no escudo de Galicia, e a vasilla pezas románicas do século XII. Tamén podemos ver os mausoleos onde están enterrados os protagonistas do milagre e unha talla románica da virxe do século XII, o que converte esta capela nun verdadeiro conxunto histórico-artístico.

Tamén, dende entón celébrase o día 8 de Setembro a festa da Virxe Santa María la Real e o día 9 a do Santo Milagre.

No exterior da igrexa existe un monumento a Elías Valiña Sampedro, cura do Cebreiro e gran impulsor do camiño xacobeo, que no 1984 emprendeu a sinalización do Camiño de Santiago con frechas amarelas dende Francia ata Compostela.

Publicado en Viaxes | Etiquetado , , , , , | Deixar un comentario